12 de Xaneiro de 2016

Comezamos ano, e retomamos as lecturas de contos por parte dos pais e nais do noso cole para os máis cativos na actividade de os martes… conto.

Xa hai moitos anos que temos en marcha esta actividade e segue a ter unha aceptación moi grande, e proba dela é esta imaxe que vos deixamos no blogue.

Os martes...conto

Cos contos a voltas no martes

30 de Novembro de 2015

Neira Vilas deixounos nesta fin de semana. Como Balbino, ese neno labrego que tanto nos ensinou, quedámonos un pouco máis pobres, máis sós.

Quedanos, iso si, toda a súa obra, eses contos vellos que nos fan rapaces máis novos, esas cartas a Lelo que relemos constantemente, coma se das cartas dun achegado se tratasen, quédanos as marelas tarabelas enchendo a nosa paisaxe de sentimentos fondos.

E alí fican, en Gres, Xosé e Anisia, mirando por nós, ensinándonos a vivir nesta terra triste e fermosa.

Hoxe, sen dúbida, máis triste.

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda

27 de Novembro de 2015

Este ano traballamos, mediante un proxecto documental, a convivencia entre todos os membros da nosa pequena comunidade escolar, unha aprendizaxe moi necesaria para que poidamos, o día de mañán, estender estas aprendizaxes á nosa vida en sociedade, no traballo, na rúa, na familia…

Participantes do Condesa na Concentración contra da Violencia de Xénero

Participantes do Condesa na Concentración contra da Violencia de Xénero

Neste sentido participarmos no Día Mundial contra da violencia de Xénero resulta completamente coherente e necesario, e así participamos todos a nivel interno nun acto de solidariedade coas vítimas desta violencia desatada contra das mulleres, e os maiores tamén participaron nunha concentración canda o alumnado dos outros centros de ensino da localidade nunha convocatoria realizada dende o Concello do Barco.

Se queredes ler unha reportaxe desta actividade podedes ver o artigo publicado polo xornal O Sil neste enlace: http://www.osil.info/concentracion-contra-a-violencia-de-xenero-no-barco/

 

Este ano estamos un tanto lacazáns co blogue da nosa biblio… as tarefas de principio de curso nos teñen un tanto atarefados e non damos feito todo como e cando queremos.
Que se lle vai facer!!
Pero as cousas, aos poucos, van volvendo ao seu rego, e xa estamos lendo os venres as obras de Manuel María, o autor ao que se lle adicarán as letras galegas 2016, e tamén xa temos en marcha os clubes de lectura e de escritura, que coma todos os anos presentan unha importante participación do alumnado.
A biblioteca en plena actividade no recreo

A biblioteca en plena actividade no recreo

Tamén andamos ás voltas coa nosa constitución escolar, un esforzo colectivo que xorde do proxecto “Convivimos” que realizamos o ano pasado, e co que tentamos dar resposta aos problemiñas que temos no patio e nas clases, aprendendo a ser cidadáns que saben contemporizar, convivir en harmonía e solventar os nosos problemas por medio do diálogo.
Tamén, e como gran novidade deste ano, as materias de libre configuración do centro en 4º e 6º se refiren á Alfabetización en Información, unha materia esencial para aprendermos a aprender, para que a nosa formación non remate co período escolar senón que poida estenderse ao longo de toda a nosa vida.

18 de Xuño de 2015

Grazas a Olga da Biblioteca Escolar Milladoiro de Malpica, contamos con este fabuloso material sobre alfabetización informacional (ALFIN) co que aprenderemos a movernos con sentidiño nas nosas procuras documentais na rede.
Botádelle unha ollada, non ten desperdicio!

Caderno Alfin 2015

Leer más publicaciones en Calaméo

18 de Maio de 2015

Nestes días rematamos unha parte do traballo do noso proxecto documental, o proceso de investigación sobre as normas que, dende sempre, os humanos foron tomando para regular a convivencia social.
Agora comenza outra fase do proxecto, no que tentaremos dotarnos dunhas normas, creadas por nós, discutidas e aprobadas democraticamente no centro, para que regulen a convivencia dentro do mesmo.
Mentras tanto deixámovos aquí a presentación do traballo de investigación que realizaron o alumnado de 5º e 6º de primaria.

Achégase a fin do curso e faise hora de botar contas de como foi o funcionamento da nosa biblioteca durante este ano.
Por iso imos facer un estudo empregando varias ferramentas de avaliación, e unha delas, para nós quizais a máis importante, é coñecer a vosa opinión sobre o servizo que ofrecemos durante todo o curso.
Por iso vos agradeceriamos que botedes man dun par de minutos e cubrades a seguinte enquisa, que nos vai axudar moito a mellorar de cara ao curso que vén.
Grazas pola vosa colaboración.

15 de Maio de 2015

Tivemos a sorte de contar co noso compañeiro e amigo David Vázquez Álvarez no festival das letras galegas deste ano 2015.

Os nenos e nenas representaron unha obra escrita por David hai anos, o Caldo de pedriñas.

O Caldo de Pedriñas

O Caldo de Pedriñas

Tamén David nos ofreceu un conto e máis unha lectura dalgún poema de seu.

David durante o acto

david

Amáis disto puxemos a disposición de todos na Web do colexio a revista das letras galegas, adicadas este ano aos autores valdeorreses, David Vázquez Álvarez e Florencio Delgado Gurriarán.

 

Tragame Terra 2015

 

 

Un xeito moi bo, en definitiva, de celebrarmos a festa do idioma.
 

 

 

16 de Abril de 2015

Outro ano máis vamos celebrar a festa do libro cun mercado de intercambio de libros, co que pretendemos dar unha nova vida a eses libros que xa limos e que queremos partillar cos nosos compañeiros, ao tempo que podemos acceder a outros títulos de xeito gratuíto.

O mecanismo do mercado é ben doado de entender:

  • Traemos un libro, en bo estado e adaptado á nosa idade, ao colexio
  • Trocamos o libro por un vale
  • Acudimos o día que lle toque ao noso ciclo á biblioteca co noso vale
  • Eliximos o(s) libro(s) que queiramos e cambiámolo polos nosos vales
  • Desfrutamos coas nosas novas  lecturas

Animádevos a participar nesta festa do libro!!

Mercadiño de intercambio de libros

Mercadiño de intercambio de libros

15 de Abril de 2015

Eduardo Galeano

Eduardo Galeano

O día 13 de abril foisenos Eduardo Galeano, o autor de “Las venas abiertas de América Latina” entre outras moitas obras que nos axudaron a ver o continente americano con outros ollos, os ollos da solidariedade, cos ollos da utopía.

“Cuando la piedra arde” é unha fermosa historia que temos na nosa biblioteca feita por Galeano, e que hoxe, neste día de mágoa polo seu pasamento, anímovos a ler, e logo a reflexionar sobre a súa profunda mensaxe.

O noso mellor funeral é a lectura da súa obra.

Neste sentido grazas a telesurtv.net podemos acceder a boa parte da súa obra en formato dixital (pdf) no seguinte enlace:

http://www.telesurtv.net/news/10-Libros-para-descargar-de-Eduardo-Galeano-20150413-0018.html

« Older PostsNewer Posts »