17 de Novembro de 2016

Traémovos aquí un vídeo da actividade de contacontos que os alumnos de primaria para achegar a lectura aos compañeiros de infantil.

O conto que nos narran Manuel e Sandra de 4ºB podería ser a Carrapuchiña Vermella… ou non! Se cadra é algo que nin é parecido.

27 de Maio de 2016

Como todos os anos rematamos a nosa actividade preguntándovos como foi o funcionamento da Biblioteca neste curso, coa idea de irmos mellorando ano tras ano.

Agradecémosvos a vosa colaboración.
[gform form=’https://docs.google.com/forms/d/1R3llO4vDGxO6ooEyRelXcb6UoHgI025ED7iDVB8bJvI/edit?usp=sharing’]

24 de Febreiro de 2016

Cando un libro perde a súa etiqueta non sabemos onde colocalo na Biblioteca, xa que é o seu enderezo. Pois iso foi o que lle pasou a este libro, pero menos mal que unhas nenas do colexio, que aprenderon moi ben como se debe etiquetar un libro, axudárono e recompuxeron a súa sinatura.

Deste xeito a historia acaba ben, e o noso amigo o libro  puido volver á biblioteca e atopar o seu sitio exacto.

Este vídeo está realizado por alumnos e alumnas de ALFIN do centro, e que tamén participan dun club de escritura.

É a nosa primeira curtametraxe, así que non sexades moi críticos. Sabemos que ten moitos erros, pero prometemos que no futuro habemos esforzarnos por mellorar.

Que vos guste!

3 de Febreiro de 2016

As olimpíadas son este ano, e por iso imos adicar as nosas olimpíadas do coñecemento e da investigación ao tema do deporte e da aventura.

Pero, como a máis das olimpíadas celebramos tamén o Día da Paz, que este ano adicamos á igualdade de xénero e contra a violencia machista, e como aí mesmo está a celebración do día internacional da Muller Traballadora, este ano a nosa olimpíada cultural se vai adicar a mulleres, mulleres que destacaron no deporte e na aventura.

Así que xa sabedes, artellade os vosos equipos de investigación, estade moi atentos ás pistas, e xuntos, imos descubrir a esas mulleres pioneiras, esas atletas destacadas, esas aventureiras audaces…

Dinosabio xa está preparado coas pistas. Vós estades tamén preparados???

 

27 de Novembro de 2015

Este ano estamos un tanto lacazáns co blogue da nosa biblio… as tarefas de principio de curso nos teñen un tanto atarefados e non damos feito todo como e cando queremos.
Que se lle vai facer!!
Pero as cousas, aos poucos, van volvendo ao seu rego, e xa estamos lendo os venres as obras de Manuel María, o autor ao que se lle adicarán as letras galegas 2016, e tamén xa temos en marcha os clubes de lectura e de escritura, que coma todos os anos presentan unha importante participación do alumnado.
A biblioteca en plena actividade no recreo

A biblioteca en plena actividade no recreo

Tamén andamos ás voltas coa nosa constitución escolar, un esforzo colectivo que xorde do proxecto “Convivimos” que realizamos o ano pasado, e co que tentamos dar resposta aos problemiñas que temos no patio e nas clases, aprendendo a ser cidadáns que saben contemporizar, convivir en harmonía e solventar os nosos problemas por medio do diálogo.
Tamén, e como gran novidade deste ano, as materias de libre configuración do centro en 4º e 6º se refiren á Alfabetización en Información, unha materia esencial para aprendermos a aprender, para que a nosa formación non remate co período escolar senón que poida estenderse ao longo de toda a nosa vida.

18 de Xuño de 2015

Grazas a Olga da Biblioteca Escolar Milladoiro de Malpica, contamos con este fabuloso material sobre alfabetización informacional (ALFIN) co que aprenderemos a movernos con sentidiño nas nosas procuras documentais na rede.
Botádelle unha ollada, non ten desperdicio!

Caderno Alfin 2015

Leer más publicaciones en Calaméo

18 de Maio de 2015

Achégase a fin do curso e faise hora de botar contas de como foi o funcionamento da nosa biblioteca durante este ano.
Por iso imos facer un estudo empregando varias ferramentas de avaliación, e unha delas, para nós quizais a máis importante, é coñecer a vosa opinión sobre o servizo que ofrecemos durante todo o curso.
Por iso vos agradeceriamos que botedes man dun par de minutos e cubrades a seguinte enquisa, que nos vai axudar moito a mellorar de cara ao curso que vén.
Grazas pola vosa colaboración.

16 de Abril de 2015

Outro ano máis vamos celebrar a festa do libro cun mercado de intercambio de libros, co que pretendemos dar unha nova vida a eses libros que xa limos e que queremos partillar cos nosos compañeiros, ao tempo que podemos acceder a outros títulos de xeito gratuíto.

O mecanismo do mercado é ben doado de entender:

  • Traemos un libro, en bo estado e adaptado á nosa idade, ao colexio
  • Trocamos o libro por un vale
  • Acudimos o día que lle toque ao noso ciclo á biblioteca co noso vale
  • Eliximos o(s) libro(s) que queiramos e cambiámolo polos nosos vales
  • Desfrutamos coas nosas novas  lecturas

Animádevos a participar nesta festa do libro!!

Mercadiño de intercambio de libros

Mercadiño de intercambio de libros

10 de Abril de 2015

David está a ler unha colección de contos dos esquimós de Xoan Abeleira, e gústanlle tanto que quere compartir o seu gusto con todos nós.

Vexámolo.

 

26 de Febreiro de 2015

Traemos a este blogue unhas cantas imaxes dun dos clubes de lectura que están en marcha este ano. En concreto o clube elixido é un dos que está traballando a lectura en formato dixital.

A máis dos dispositivos con que conta o centro son bastantes os nenos e nenas que trouxeron os seus propios aparatos, e-readers e tablets.

O resultado como podedes comprobar é que a lectura, análoxica ou dixital, é imparable!

IMG_20141112_123321105 IMG_20141112_123240056_HDR IMG_20141112_123246876_HDR

Newer Posts »