13 de Xullo de 2016

Onte fóisenos un dos máis grandes escritores de literatura infantil e xuvenil, Agustín Fernández Paz, e que ademáis temos a grandísima honra de que fose galego e escribise no noso idioma, poñendo a este nun lugar destacado do panorama actual.
Tivemos a sorte de escoitalo hai uns poucos anos pechando uns encontros do PLAMBE (Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares), como sempre ameno, atinado nas súas análises, dándonos azos para seguir traballando pola lectura, polo idioma, polo futuro…
Non podemos deixar de pasar este momento e renderlle unha sentida homenaxe a quen tanto fixo por nós, pero negámonos a decirlle adeus. Xa sabemos todos que Agustín permanecerá connosco, nas nosas bibliotecas, nos seus libros, nos nosos corazóns.
Agustín, deica logo.

Agustín participando nun acto da Plataforma Queremos Galego

Agustín participando nun acto da Plataforma Queremos Galego

 

7 de Xuño de 2016

Este ano fixemos un pouco de todo, cine, poemas, e… un conto sobre un pan marabilloso que SOABA!!!
A ver se vos gusta:

A frauta de pan

27 de Maio de 2016

Como todos os anos rematamos a nosa actividade preguntándovos como foi o funcionamento da Biblioteca neste curso, coa idea de irmos mellorando ano tras ano.

Agradecémosvos a vosa colaboración.
[gform form=’https://docs.google.com/forms/d/1R3llO4vDGxO6ooEyRelXcb6UoHgI025ED7iDVB8bJvI/edit?usp=sharing’]

22 de Abril de 2016

Completando a secuencia de actividades que realizamos sobre o noso autor, agora presentamos un LIM co que podemos comprobar canto aprendemos sobre a vida e obra de Manuel María.

O enlace para ver o exercicio é:

http://www.edu.xunta.es/centros/ceipcondesafenosa/aulavirtual/file.php/38/lim_manuel_maria/manuel_maria.html

Manuel María loitando contra a Marea Negra

Manuel María loitando contra a Marea Negra

20 de Abril de 2016

Como xa se ven celebrando dende hai uns cantos anos, este día do libro organizamos a nosa feira de intercambio de libros usados. As datas deste ano son dende o 19 ata o 22 de abril, en edicións para infantil, 1º, 2º e 3º ciclo de primaria.

Como sempre a participación é moi alta, e as mesas do mercado están ateigadas de libros que esperan cambiar de mans e darnos moi bos momentos de lectura.

Deixámovos unha imaxe do mercadiño preparado para o intercambio dos nenos e nenas de 1º ciclo, e animarvos a participar nesta feira que dá nova vida aos nosos libros.

Mercadiño libros 2016

11 de Abril de 2016

A vindeira semana celebraremos a festa do libro na que se lembra a morte de Cervantes e de Shakespeare… curioso porque morreron o mesmo día, pero non morreron o mesmo día, e iso por culpa de Julio César e de Gregorio X…

Non vou explicar nada disto, pero se alguén se pasa pola Biblio explicando como é isto posible, publicaremos nun novo artigo a súa aclaración desta aparente contradición.

Mentres tanto andaremos a organizar o noso Mercadiño de Intercambio que se realizará entre os días 19 e 22 de abril. O primeiro día será o día do mercadiño para Infantil, o día 20 para primeiro e segundo de primaria, o día 21 para terceiro e cuarto e o último día, o 22, para quinto e sexto.

Este ano coma novidade cambiamos o dollar habitual por moeda máxica, tal como é de máxica a literatura, así que os nosos cartos son moeda de Howarts, do Banco Gringotts, moeda da que usa Harry Potter e Hermione e Dumbledore… en fin, cartos para mercar soños.

Animádevos e participade!!

moeda intercambio

6 de Abril de 2016

mmft_falandoAchéganse as letras e nós queremos este ano festexar a Manuel María, porque é ben merecedor desta homenaxe que os galegos facemos aos nosos escritores.

Levamos xa un tempo lendo os venres en voz alta os poemas de Manuel María, pero a máis dos seus poemas queremos tamén coñecer outras cousas, onde viviu, quen influíu na súa obra, os detalles da súa vida, as súas loitas, o seu compromiso co idioma de noso…

Por iso fixemos este recurso educativo, que nos vai permitir traballar sobre a figura de Manuel María, achegarnos a ela e así valorala na súa xusta dimensión.

http://www.edu.xunta.es/centros/ceipcondesafenosa/aulavirtual/file.php/38/manuel_maria/index.html

29 de Marzo de 2016

Chéganos dende a Asesoría de biliotecas unha nova de moito interese: a rede iberoamericana de docentes pon a disposición de todos nós unha colección de libros en formato pdf que tratan de temas educativos.
Os libros, que se poden descargar de balde, abordan moitos temas do ámbito educativo, e, moitos deles, tocan o tema da lectura, da súa promoción, do papel das bibliotecas públicas e das escolares, do uso das TIC na investigación documental… Unha colección que sen lugar ás dúbidas paga a pena botar unha ollada.
Para acceder ao catálogo desta colección podedes premer aquí.

Rede Iberoamericana de Docentes

Rede Iberoamericana de Docentes

18 de Marzo de 2016

Acabamos de editar un novo número do Barquiño de Papel no que a nosa Biblioteca pretende render unha homenaxe moi sentida e merecida, ao poeta Manuel María Fernández Teixeiro, ao que se lle adican as letras galegas neste ano 2016.

Deixámovos aquí a edición dixital do boletín, que tamén poderedes consultar na Web da biblioteca.

Barquiño de Papel marzo 2016

7 de Marzo de 2016

Actividade de promoción da lectura de Paco Nogueiras no Ceip Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras o 7 de marzo de 2016

Actividade de promoción da lectura de Paco Nogueiras no Ceip Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras o 7 de marzo de 2016

Hoxe nos volveu a visitar Paco Nogueiras dentro das actividades de contacontos de Kalandraka que é unha das actividades de promoción da lectura que máis gusta aos nosos alumnos.
Este ano seguro que teremos a partires de agora moita solicitudes para levar os contos do Pito Cairo, Despois da Chuvia, Cantarolas… porque estas actividades deixan ao alumnado con moitas ganas de ler.
Deixámovos aquí unha imaxe desta actividade que esperamos seguir a celebrar por moitos anos.

Newer Posts »